lunes, 12 de noviembre de 2012

Maridaxes con viños de Valdeorras

O venres, día 9 de novembro, na maridaxe organizada dende o Centro Comercial Aberto do Barco descubrimos novos sabores e sinerxías. Os viños das adegas do Barco: Godeval godello, Hacienda Ucediños godello, Pagos del Galir mencía, Valdouro (mencía e garnacha) da cooperativa e o espumoso de godello Brinde de adegas Roandi, harmonizaron perfectamente cos pinchos que prepararon os cociñeiros Carlos Parra e Roberto Covela. A combinación de porco celta, queixo, grelos, bica e torta de roxóns cos godellos e mencías funcionou seguindo a idea de que nunha harmonía os ingredientes e o xeito de elaborar o prato son importantes á hora de elixir un viño para acompañalo.

Estas foron as harmonías que fixemos entre tapas e viños valdeorreses:

-Os roliños de lombo de porco celta recheos de crema de queixo e crocantes de xamón combinaron co viño Godeval, o godello 100% do 2011.

- Os caprichos de cachucha (de porco celta) rechea de grelos harmonizou con Hacienda Ucediños godello da adega Eladio Santalla Paradelo.

- A crema lixeira de castañas con labras de xamón creou sinerxía co Brinde espumoso de godello da adega Roandi. Foi todo un descubrimento esta combinación de espumoso que incrementaba o sabor das castañas. Un dos máis aplaudidos da sesión.

-Os tacos de lombo de porco celta á galega (un aliño a base de aceite, cebola pochada e pemento doce) atopou boa combinación co Valdouro da adega cooperativa Jesús Nazareno e tamén co Pagos del Galir mencía.

No apartado de sobremesa intentamos combinar os mesmos viños co doce, xa que a maioría das veces, xa non se usan os viños da comida para o momento larpeiro. Pero hai doces que admiten este tipo de combinación polo tipo de ingredientes cos que se elaboran. Ademais o godello coa súa mineralidade potencia o sabor doce.

- A torta de roxóns con salsa de canela combinou cos godellos que potenciaban o sabor da canela.

- A bica con compota de froitos secos creou unha boa sinerxía cos mencías que resaltaban os froitos secos (améndoas, abelás, noces).

Todas estas combinacións non poderían ser posibles sen as mans marabillosas de Carlos Parra do restaurante da Estación de Baños de Molgas e o seu amigo Roberto Covela do restaurante Galileo. Tamén hai que agradecer a idea á xente do Centro Comercial Aberto do Barco, en especial a súa presidenta, Charo López .

 

 

 DSCF1508DSCF1519DSCF1525DSCF1529

viernes, 9 de noviembre de 2012


Hoxe Solfiro comeza a funcionar cara ao público. A actividade na que estou traballando é unha presentación dunha maridaxe ou harmonía de pinchos cos viños das cinco adegas da vila do Barco. Este acto servirá como clausura da Asamblea do Centro Comercial Aberto da vila. Estades todos invitados para coñecer máis dos viños de Valdeorras e da súa combinación con pinchos feitos a base de carne de porco celta, castañas e outras cousiñas na Casa Río Cigüeño no Barco, hoxe as 21:30 horas.  A velada promete....

miércoles, 7 de noviembre de 2012



SOLFIRO, COMUNICACIÓN E EVENTOS


Solfiro, comunicación e eventos, nace coa ilusión dunha autónoma que se chama Soledad Figueroa, e que quere usar os seus coñecementos coma licenciada en Ciencias da Información e a súa experiencia profesional para asesorar e axudar a pequenas e medianas empresas. O seu campo de actuación comeza no mundo do asesoramento para a creación de campañas de publicidade, mellora de imaxe corporativa, contacto con clientes a través de "mailing", folletos, creación de contidos para webs e blogs e a organización de eventos empresariais.