domingo, 16 de diciembre de 2012

Unha guía actualizada e novidosa de viños e destilados de Galicia

DSCF1860

Unha guía de viños sempre busca promocionar e dar a coñecer unha serie de caldos que xa gozan de presenza en varias publicacións. Iso habitualmente débese a súa calidade e tamén a inversión que fan en publicidade dende as empresas que os producen. Neste caso a guía que chegou as miñas mans “ Guía de Vinos, destilados y bodegas de Galicia” (Servino, Luís Paadín) cumpre o de promocionar viños e destilados de calidade pero ademais une a este obxectivo outros novidosos: que todos os caldos e destilados que figuran na guía son de Galicia e que a publicación non se fixo con publicidade, senón coas aportacións de 180 “mecenas” con nomes e apelidos que antes de que se publicara a guía xa tiñan comprometidos 800 exemplares.

A estas novidades únese que se formaran 18 paneis de cata para 262 catas descriptivas dos viños das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de toda Galicia.O seu autor e editor, Luís Paadín, lembrou na presentación en Valdeorras o pasado día 13 de decembro, que foi un traballo serio e rigoroso no que participaron catadores profesionais galegos e tamén os mecenas tiveron acceso a catas dos viños cos que se estaba traballando. Explicou Paadín que no mundo da cata de viños galegos destaca a presenza de expertos de fora que están a determinar as características dos nosos viños. As características que buscan habitualmente son uns 4-5 gramos de azucre, menos amargos e con madeira. Paadín é un defensor da tipicidade dos viños galegos e para iso buscou catadores de cada zona de produción que coñecían o que cataban e non os ían desvirtuar.

Para darlle máis relevancia a esa cata decidiu adxudicar premios: Prata, Ouro e Gran Ouro, en base a uns tramos de puntuación a partir dos oitenta puntos. Isto tamén é novidade porque non hai puntuacións de 6,35 ou 7,55 senón estas medallas e un comentario breve ao seu lado.

Nesta guía de autor, como a definiu o propio Paadín, recollese o “mellor momento na historia do viño en Galicia”, con “brancos extraordinarios e un potencial enorme en tintos”.

Viños de Valdeorras con Gran Ouro

En total aparecen 475 adegas e destilerías, 1500 referencias e máis de 260 fichas de cata. En canto aos viños da comarca Paadín destacou o gran potencial da comarca e iso demostrase con varios premios para os caldos valdeorreses e tamén para os seus destilados. Os premios máximos, os chamados Gran Ouro, foron concedidos a: Godeval Cepas Vellas, A Coroa 2011, Memoria de Ventura Mencía 2011, Joaquín Rebolledo 2011, Traste 2011, Bioca 2011, As Sortes do Bibei 2011, Vella da chaira do Ramiriño 2010, Via Nova 2011. No apartado de destilados a adega barquense Godeval recibiu unha prata para Mosteiro de Xagoaza licor café, un ouro para o licor de herbas e un gran ouro para a augardente branca. O comentario que figura ao lado da medalla é “esencia de manantial”.

Esta guía recolle tamén unha nota de cata e un premio Ouro ao primeiro viño espumoso amparado pola DO Valdeorras, é o Brinde da adega Roandi ( Éntoma-O Barco). Xunto ao premio figura a seguinte lenda: “poderoso, parece un blanc de noirs”.

Despois de cinco anos sen ter unha guía de viños galegos, daremos a benvida a este traballo que foi sobre todo plural e serio.

Os medios de comunicación con delegación en Valdeorras cubriron o evento. Aquí van os enlaces.

http://www.laregion.es/noticia/235468/enologo/paadin/apuesta/potencial/tintos/

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2012/12/14/treintena-vinos-ourensanos-logran-gran-oro-guia-galicia/0003_201212O14C10991.htm

No hay comentarios:

Publicar un comentario