sábado, 18 de mayo de 2013

O pai do godello, Horacio Fernández Presa, faleceu onte no Barco


Horacio Fernández Presa era un cabaleiro con todas as letras, que loitou sempre polo que quixo. Como un Don Quixote destes tempos foi defensor a ultranza e profesoulle todo o seu agarimo e coñecemento a súa querida Godello. Unha pequena uva de cor amarela que está triunfando dende hai uns anos porque el empeñouse en recuperala e dala a coñecer. Non hai moito alguén lembraba que anos atrás Horacio tivo que discutir e discutir, dar unha e mil explicacións para convencer a uns poucos que o futuro estaba en arrincar viñas foráneas que daban moitos quilos cunha insignificante calidade e que prantaran cepas de godello para comezar a recuperar esta variedade.
Horacio era capaz de engaiolarte coa súa conversa sobre o mundo do viño, sentía verdadeira paixón por el e sabía transmitila. Non teñen prezo as sobremesas que tiven a oportunidade de pasar ao seu lado contándome historias dos comezos e da súa filosofía sobre a vida que aplicaba ao mundo do viño. Sempre contaba que fora abstemio ata os 30 anos, momento no que descubriu un viño feito con uva Riesling en Alemaña e que dixo "isto si podo bebelo" e de aí comezou a súa relación co mundo do viño. Era clarividente, persistente e marcou unha liña que non deixou de seguir, tiña moi claro como tiña que ser. E así o fixo.
Botando a vista atrás, lembrando como cheguei a coñecelo e, co tempo, a considerarme unha amiga del, recordo que foi a través do xornalismo, facéndolle entrevistas para informacións que se publicaban en medios da comarca de Valdeorras. Lembro un deses encontros, para un programa de radio local, no que estivemos 30 minutos grabando e despois máis dunha hora falando. Para el non había tempo cando falaba do godello. Agora o tempo da vida detívose para Horacio, pero deixou neste mundo de viñas o seu legado, a súa filosofía e todo o seu agarimo. Os que tivemos a sorte de coñecelo podemos convertirnos en embaixadores do seu traballo, da súa ilusión e con cada copa de godello que bebamos lembrarémolo cun sorriso.

Ata sempre amigo.....
 
 

 
 



 
 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario