lunes, 17 de febrero de 2014

Mencía, godello, vermú e garnacha tintoreira na vinruta de Petín

A terceira vinruta celebrouse o sábado 15 de febreiro nunha tarde gris e fría, e case sen choiva, en dúas adegas de Petín e unha cova de Valencia do Sil (Vilamartín). Os vinruteiros tiveron a oportunidade de coñecer a dous adegueiros, Francisco e Javier, que poñen todo o seu corazón, traballo e sabiduría nos seus viños. Nesta ocasión as adegas a visitar son de recente creación, do século XXI, xa que Adega da Pinguela xurdiu no 2007 e Sampayolo no 2002. Empezamos no barrio de Carballal na Pinguela catando o Memoria de Ventura mencía que estaba excelente, despois desprazámonos bordeando o encoro de San Martiño pola estrada de Barxela ata a adega Sampayolo. Unha vez alí catamos o Sampayolo godello e como sorpresa un vermú que está preparándose para sair ao mercado nuns meses. O vermú sorprendeu a todos e o godello pedía tomar unha copiña máis pero aínda nos quedaba unha última parada: unha cova en Valencia do Sil. Esta construción típica en Valdeorras soprendeu polo seu tamaño e o coidada que está. No salón acondicionado cun bo lume estivemos catando as garnachas tintoreiras que elaboran estes dous adegueiros. A de Sampayolo baixo o nome de "Garnacha Vella" e a de Pinguela "Memoria de ventura garnacha". Con elas escoitamos frases tan ocurrentes e descriptivas como a que utilizou o adegueiro Javier (Sampayolo) para o seu viño "es un vino lamprea, o lo amas o lo odias". Pero tamén houbo tempo para falar do mundo do viño en xeral e do da comarca en particular. Houbo valoracións e sobre todo moita conversa nun moi bo ambiente.







No hay comentarios:

Publicar un comentario