viernes, 16 de mayo de 2014

As xornadas de Portas Abertas do 7 e 8 de xuño presentámolas onte no Barco


A III edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia, que organiza a Axencia de Turismo de Galicia (antiga Turgalicia), terá este ano á Denominación de Orixe Valdeorras dedicada a darse a coñecer con varias actividades para os días 7 e 8 de xuño. 11 adegas, tres aloxamentos e catro restaurantes pertencentes á ruta do viño valdeorresa uníronse para non deixar pasar a ocasión de promoción dentro destas xornadas nas que a base son as visitas gratuítas a adegas ás que se lles engadiu o transporte tamén de balde. Ademais haberá festa de portas abertas o día 7 pola noite,  con venta especial de viño á beira do río Sil, en O Barco e un fin de festa con apertura de “covas”(adegas soterradas) en A Rúa o día 8.  Toda a programación foi presentada onte, día 15, en rolda de prensa en O Barco.
As actividades están organizadas entre Turismo de Galicia e o colectivo Somos Valdeorras, portas abertas  formado por membros da Ruta do Viño de Valdeorras e a guía enoturística, Soledad Figueroa. A unión entre os adegueiros e hostaleiros foi vital para poder por en marcha o plan completo. Desde o mes de febreiro celebraron  4 reunións para organizar as actividades e darlle forma na comarca a unha actividade que dende fai 3 anos organiza Turismo de Galicia para as cinco denominacións de Galicia. Este ano na comarca valdeorresa tamén financia o transporte gratuíto e o guía enoturístico para poder visitar as 11 adegas. O proxecto conta tamén co apoio do Concello do Barco e o de A Rúa que colaboran na montaxe das dúas festas. En O Barco o departamento de Turismo aportará os stands para a Festa de Portas Abertas ademais de ceder o paseo do Malecón para poder celebrar unha actividade na que os visitantes poderán degustar copas de viño a 1 € e pinchos tamén ao mesmo prezo. O Concello de A Rúa colaborará no Fin de festa de Covas na zona de A Coroa (A Rúa Vella) aportando un grupo musical.




Visitas a adegas con autobús gratuíto
Unha das actividades, que se prolongará durante toda a fin de semana, serán as visitas ás 11 adegas da Ruta cun autobús financiado por Turismo de Galicia. Os adegueiros abrirán as súas portas e ofrecerán pinchos e un viño por persoa sen cobrar nada aos visitantes.  As visitas empezarán o sábado, 7, dende as 11 da mañá ata as 14:30, ampliando así a oferta inicial demandada dende a organización das Portas Abertas. Os visitantes terán a oportunidade de coñecer as adegas desprazándose pola súa conta a calquera das adegas participantes dentro dos horarios marcados. A outra opción é subirse ao autobús que durante a mañá visitará Godeval, O Cepado, O Casal, Roandi e Virxe de Galir. Despois pararán para comer e aproveitar os menús especiais (25€/persoa) nos restaurantes asociados: Mesón Museo, Pazo do Castro, Piquiño e Paladium. A xornada da tarde será de 18 a 19:45 horas e o autobús da Ruta visitará  Ruchel, Avelina e D´Berna. As visitas continuarán o domingo dende as 11 e ata as 13:130 horas para coñecer en bus a Pinguela, Alán de Val e A Coroa. Os horarios e paradas poden comprobalos no blog: somosvaldeorras.blogspot.com.

Festa portas abertas e fin de festa en covas

O programa de actividades completase con aloxamentos a prezos especiais nos hoteis Pazo do Castro ( O Barco) e Paladium (Vilamartín) e na casa de turismo rural Pacio do Sil (Vilela-A Rúa) . Tampouco faltarán dúas festas, unha de portas abertas que se celebrará o sábado, día 7, a partir das 20:30 horas no Paseo do Malecón de O Barco. Alí os visitantes poderán degustar os viños das 11 adegas a un prezo especial de 1 €/copa  mentres escoitan música, degustan pinchos elaborados polos restaurantes da Ruta, tamén a 1 € cada un, e gozar das vistas do río Sil. A outra festa será o domingo ao mediodía na zona ruesa de A Coroa. Alí estarán abertas 4 covas (adegas soterradas) para visitar e catar novamente os viños (1€/viño) acompañados por tapas de polbo que cada visitante poderá comprar a un prezo especial. A música tradicional dun grupo de gaiteiros amenizará a festa. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario