viernes, 17 de junio de 2016

A noite de San Xoán con festa en Viloira

As Concellerías de Cultura e a de Deportes do Concello do Barco programaron actividades para a noite de San Xoán no Barco.  O lugar elixido para celebrar esta noite máxica será a praza de Viloira a partir das 20 horas do día 23. A programación comezará co apartado deportivo para continuar despois co cultural-musical. O lume estará acompañando sendas actividades como parte esencial  da noite.

Segunda carreira-andaina popular do San Xoán
 A actividade deste día comezará coa segunda edición da carreira e andaina popular a partir das oito da tarde. Haberá dous circuítos sinalizados con saída e chegada na Praza de Viloira, un  para os máis pequenos máis curto e outro de 4,5 quilómetros para os maiores. Todos os corredores ao finalizar os percorridos festexarano  cunha pancetada que se asará no lume da fogueira de San Xoán.

Teatro, humor, música e baile para continuar a noite
Unha vez rematada a actividade deportiva ao redor das 10 da noite comezará a festa.  O actor Pepe Penabade da compañía Volta e Dalle Teatro será o encargado de abrir a noite cunha actuación na que o humor e a cultura tradicional van da man no seu espectáculo “Afiador e paragüeiro”. A continuación desta primeira actividade entrará o apartado musical co grupo Os Primordiais, un dúo diferente onde os distintos estilos farán bailar a todo tipo de público. Ademais contarán coa colaboración  dunha parella experta de danza, Miguel Sotelo e Andrea Cabanelas,  quen serán os encargados de guiar os diferentes bailes da noite.
A medianoite será de novo o momento de Pepe Penabade para  a queimada. O actor encargarase de sacar o meigallo da noite facendo partícipes a todos os asistentes dun conxuro de queimada tradicional pero con toques de humor. Unha vez rematado o conxuro a música de Os Primordiais e o baile pechará esta noite máxica.

Unha noite especial

Toda unha programación pensada para gozar dunha noite máxica porque tal e como figura no cartel desta actividade “a noite do 23 asistimos ao trunfo da luz sobre a escuridade. Abrimos as portas da casa para deixar entrar a todas as dimensións máxicas, recibilas con flores do campo, lume e auga . Purificámonos, saltamos o lume, deixamos queimar as malas experiencias para convertelas en cinzas. So neso.Que voen e que o pasado fertilice a terra. O máis importante é o que virá; o canto á esperanza, á ledicia, aos soños coas cariñas lavadas de augas de rosiñas para vivir o día máis longo do ano.


¡¡¡Boa noite de San Xoán¡¡



O actor Pepe Penabade e a súa actuación como afiador

No hay comentarios:

Publicar un comentario